Thursday 19 de September de 2024

A Andaina Solidaria da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago celebra o 28 de setembro a súa III edición


A Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, coa colaboración do Concello, celebrará o sábado 28 de setembro a súa III Andaina Solidaria. A marcha volverá partir do paseo central da Alameda, onde ese mesmo día se celebrará a feira divulgativa “Ciencia para todos”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e a vicepresidenta da AECC en Compostela, Ana Peinó, presentaron hoxe as actividades nunha rolda de prensa na que fixeron unha chamada a toda a veciñanza a “celebrar un día divertido en familia ao mesmo tempo que apoian a loita contra o cancro”.

María Rozas fixo un chamamento á veciñanza a participar nesta andaina, coa que a Asociación Española Contra o Cancro en Santiago recadará fondos “para seguirlle prestando atención ás doentes oncolóxicas e ás súas familias e para avanzar na investigación contra o cancro, cubrindo ocos que non cubrimos as administracións públicas”. A tenenta de alcaldesa puxo en valor o traballo da AECC “unha entidade que goza da estima e recoñecemento da veciñanza, que demasiadas veces coñece moi de preto o seu traballo”, e salientou que “a asociación fai posibles importantísimas investigacións, por exemplo as que se están desenvolvendo no CIMUS e ás que a entidade ten achegados máis de 620.000 euros”.

Nesa liña, a vicepresidenta da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro reivindicou as importantes achegas da entidade á investigación, “no caso de Santiago apoiándose tamén nos magníficos profesionais que temos na cidade vinculados aos diferentes centros de investigación”. Ana Peinó incidiu en que “o cancro é unha pandemia invisible, porque unha de cada tres mulleres dous de cada tres homes van ter a enfermidade ao longo da súa vida”.

Inscricións abertas

A III Andaina Solidaria da Asociación Española Contra o Cancro celebraráse o 28 de setembro, a partir das 10 da mañá. O percorrido, de 5 quilómetros, terá saída e meta na Alameda. As inscricións terán un prezo de 5 euros para menores de 12 anos e de 10 euros para os adultos, e as persoas que non poidan asistir pero queiran colaborar poden facelo a través de Bizum, na conta bancaria do Santander ou da web da entidade. Os fondos recadados, irán destinados á investigación oncolóxica.

A inscrición para participar na carreira pode facerse, ademais de na propia páxina web de AECC, na sede da Asociación Española contra o Cancro en Santiago; no departamento de deportes de El Corte Inglés ou no propio día do evento, ata media hora antes do seu comezo. O dorsal poderase recoller na sede da Asociación Española contra o Cancro en Santiago ata o 27 de setembro, así como as camisetas que poderán recibir as primeiras 1.500 persoas inscritas. Tamén é posible adquirir un dorsal 0, para aquelas persoas que non poidan asistir á andaina pero que queiran colaborar na recadación de fondos, destinados á investigación oncolóxica e aos programas e servizos que ofrece a Asociación.

Deja un comentario